Noticias
-
Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
-
Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.
-
A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na reunión celebrada hoxe na rexión croata de Dalmacia para abordar o futuro do programa Interreg, que financia a cooperación entre rexións e municipios da Unión Europea, e debater os avances que favorecen a cooperación transfronteiriza en Europa. A conferencia permitiu facer balance da experiencia adquirida ata a data nas tres modalidades de cooperación territorial existentes -transfronteiriza, transnacional e interrexional-, así como da súa aplicación durante o período 2021-2027. Os participantes coincidiron na importancia da cooperación territorial, pois permite aos diferentes territorios intercambiar experiencias e traballar xuntos en igualdade de condicións.
-
Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
-
Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).
-
O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
-
Galicia pechou o mes de abril cun dato histórico na cifra de persoas en situación de desemprego. Rexistrou 126.334 persoas en paro, o menor dato de toda a serie histórica (1996), é dicir, desde hai 28 anos. Galicia sitúase como a primeira comunidade autónoma na que máis baixou o paro en termos relativos con respecto a hai un ano e a terceira en absolutos. A caída nun -9,34 % supera en máis do dobre ao descenso rexistrado no Estado (-4,37 %). O paro caeu tamén na evolución mensual (-2,08 %), e, ademais, o descenso reflectido tanto na comparativa anual como mensual tivo lugar nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M€ de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M€ e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.