Notas
-
A UDC puxo en marcha o "Portal da investigación da UDC", un novo sitio web onde se pode consultar toda a produción científica e as métricas dos seus centros singulares, grupos de investigación e persoas investigadoras mediante unha interface de fácil uso. O obxectivo do portal é mellorar a visibilidade e a transparencia da actividade investigadora da UDC.
-
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia.
-
O cancro anaplásico de tiroide, un dos máis agresivos e devastadores, actualmente ofrece poucas opcións de tratamento efectivas, cunha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas o 5%. Non obstante, un novo estudo abre a porta cara a unha terapia innovadora. A investigación foi realizada por persoal investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos os dous pertencentes á USC e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia (IDIS).
-
A Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña acolle o 'I Foro Transnacional. Arquitecturas do Mar e a súa Paisaxe Asociada', que supón o lanzamento do proxecto europeo SEALabHaus, no que arquitectos galegos e doutras rexións do arco atlántico español peninsular presentarán boas prácticas de rehabilitación, adecuación e intervencións, tanto en construcións litorais como na paisaxe asociada a elas.
-
A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower). Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, aúna once socios de Portugal, Francia e España.
-
A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a través do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, amosou múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos.
-
A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desenvolve este luns e o martes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura as súas XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas nesta ocasión polas tres universidades públicas galegas. A xornada inaugural presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, respectivamente.
-
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
-
Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
-
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).